Saturday 04 de May de 2024

Éxito do Roteiro de Plantas Medicinais con 50 persoas asistentes


 

Cincuenta persoas participaron o sábado no Roteiro de Plantas Medicinais organizado polo Concello de Boqueixón. A iniciativa resultou todo un éxito de convocatoria, polo que non se descarta realizar unha nova edición.

A actividade, dirixida por Xabier Ramos, constou de dúas partes. A primeira centrouse nunha charla sobre plantas medicinais desenvolvida no local social de Ledesma. Nela abordáronse temas como mitos e realidades, recolección e conservación, usos e doses e precaucións sobre este tipo de plantas. Ramos tamén aproveitou para amosar ás persoas participantes unha pequena mostra de plantas da súa botica natural -viperina, musgo de Islandia, alecrín, ou codia de salgueiro, entre outras-, que aproveitou para ofrecer explicacións sobre os seus usos.

A segunda parte centrouse nunha saída de campo cun roteiro guiado pola zona. Este serviu para identificar as distintas plantas medicinais que calquera persoa ten ao seu alcance dando unha simple volta pola contorna.

Dende a organización desta actividade amosáronse moi satisfeitos pola excelente resposta por parte da veciñanza. Ademais, en xeral as persoas asistentes valoraron moi positivamente o desenvolvemento deste roteiro, solicitando nalgún caso que se realice unha nova xornada.